Friday, July 10, 2009
Quéixate do bipartito, por Don Paio.
Ver a páxina de O Moscón en http://moscon.blogaliza.org/
O transparente e glorioso trunfo do Feijoismo
Ben se ve, señor Moscón, o moito que lle doeu o brillante e transparente trunfo das gloriosas forzas feijoistas. E antes de que mo diga vostede direino eu, ben sei que o mérito non foi só noso. Porque, sexamos sinceros, ¿quen non se ten queixado do bipartito?. Nós, a dereita española, os que queremos que as cousas funcionen ben, como sempre, sen homosexuais (fóra do armario, que nós respectamos a súa liberdade sempre que non nos queiran impor a súa presencia), nin abortos (legais, que son os que fan escándalo), nin laicismo (público, que en privado cada quen é libre de crer o que queira), nin divorcios, nin separatismos… Sobre todo sen separatismos, porque nós queremos a España e non permitiremos que ninguén nos impoña galeguismos trasnoitados. Si, hai que respectar a nosa liberdade de ser só españois, porque a liberdade é algo moi sagrado, eh?, quen non quere a liberdade?, veña, que levante a man para vergoña de todos os demócratas de verdade.
Pim,pam,pum…Quéixate do bipartito
Pero non, como digo non me refiro aos que de natural queixábanos do bipartito, un goberno que nos quería impoñer o separatismo e o comunismo e o ateísmo e a homosexualidade e o asasinato de neonatos e…. Non, refírome a eses mesmos separatistas e roxos e verdes e lilas e… Acaso non se teñen queixado do bipartito?. Que non?. Por exemplo, non se queixaban da falta de transparencia do concurso eólico? De imposicións na xestión dos incendios? De ataques á liberdadedos propietarios cos bancos de terras?…
Transparencia e seguridade xurídica na dedocracia
Analicemos señor Moscón, porque antes do bipartito os parques eólicos dábanse a dedo, que é un sistema difícil de criticar porque cando se inicia xa se rematou. Ademais era un sistema moi respectuoso coa liberdade. Cando menos coaliberdade do propietario do dedo, e do seu cuñado, ou curmán, ou o que fose, que lle tocaba o dedo, digo o parque. Por riba, as cousas estaban claras dende o principio, o que tamén é unha vantaxe, ou acaso non queremos transparencia no goberno? Pois que maior transparencia que aquela. Todo o mundo sabía que, vía cuñado ou curmán ou amigo ou que fóra, ao final, o parque, ou o dedo, tocaríalibremente aos de sempre, Fenosa, Endesa, Iberdrola… sempre os mesmos e ao mesmo prezo, barato. E que dicir da seguridade xurídica?, tocándolle sempre aos mesmos, quen quere maior seguridade? Non había motivo para queixarse.
A imposición do concurso público
E claro, chegan os do bipartito e impoñen unilateralmente outras regras de xogo que obrigan ás empresas a participar nun concurso público. E os que tiñan asegurada a adxudicación quéixanse, con razón, da imposición, porque se é publico poden participar outros e entón, onde queda a seguridade xurídica? e atransparencia no resultado?. E que me di do que querían impor co concurso? Contrapartidas económicas!!!. Imos ver, se os parques son un negocio privado a que vén obrigar a compartilo coa Xunta, que son todos?. Non é iso a imposicióncomunista?. E a saber en que pensaban gastalo despois!. E esa obriga de ter que ofrecer un proxecto interesante para Galicia?, valente parvada!. Se o que interesa é o máximo beneficio empresarial, a que ven impoñer a empresas madrileñas ou vascas ofrecer proxectos como o de formar un grupo lácteo galego, un clúster das conserveiras ou facer fábricas de xeradores eólicos en Galicia. Iso é ir contra aliberdade empresarial. Había que queixarse.
A liberdade da prensa libre e independente
Por riba algúns proxectos gañadores impoñían unha pa rozando unha futura zona natura, e outros, xa montados nunha zona natura, íaselles aumentar a potencia. Esas desfeitas ecolóxicas en zonas tan sagradas, para algúns, como as naturas, presentes ou futuras, tiñan que ser imperdoábeis. Así o viron, con grande intelixencia estratéxica, os nosos medios xornalísticos libres, eses mesmos que agora poden cantar as excelencias dunha piscifactoría en Cabo Touriñán, e nos informan de que non se pode ir contra o progreso, a transparencia e a liberdade, incluída a liberdade de prensa. Porque, non hai que defender a liberdade sempre?, non hai que defender a liberdade de Pescanova a instalarse onde lle pete?.Quéixese agora do bipartito, se quere
A liberdade,a dedocracia e a responsabilidade das túas decisións.
E a política de incendios?. Lémbrase. Antes a política contraincedios era clara etransparente. E moi respectuosa da liberdade, todo hai que dicilo. Chegaba o verán e cos cartos contra incendios contratábase xente. Ben, contrataban os concellos, libremente, cos cartos da Xunta. A dedo, claro, sen imposicións, o que, como defendemos antes, é un sistema moi transparente e respectuoso coaliberdade do propietario do dedo, que neste caso, ademais, era o alcalde, elixido por todos e, por tanto, podemos (e mesmo debemos!) dicir que respectuoso coaliberdade de todos. E, como dixemos, sen ningún tipo de imposición ao alcalde, e claro e transparente: Es amigo do alcalde, contrátate, es inimigo (político) do alcalde, non te contrata. Maior transparencia e liberdade imposíbel. E ademais didáctico, que ben se sabe que quen é libre tense que aterse as consecuencias da súa elección, sen dereito a queixarse
¿Quen sabe o que é a xestión da biomasa?
Pois nada, chegaron os do bipartito e liárono todo. Pois non se puxeron a dicir que os incendios hai que apagalos pero, sobre todo, hai que prevelos?, que hai que “xestionar a biomasa”?. Ganas de liala porque ¿alguén sabe que é iso de xestionar a biomasa?. Seguro que algunha imposición a alguén. E as cuadrillas contraincendios centralizadas na Xunta, coa desculpa de profesionalizalas e evitar o amiguismo? Que falta de transparencia. E, que pasa?. Tan malo é que un alcalde teña amigos?. Así é normal que a xente se queixase do bipartito.
Outras imposicións, fallas de transparencias e ataques a liberdade
E o dos libros de texto gratuítos. Onde quedaba a liberdade de subliñalos? E iso de pretender que os nenos galegos se poidan entender cos galegos que falan galego?. Que imposición. E esa afrenta á liberdade dos funcionarios de obrigalos, repito, obrigalos a entender, e incluso falar, o galego?. E esa imposición de escoitar programas de radio que fan pensar como Diario Cultural ou Aberto por Reformas?, Ou ese incongruencia de seguir coa cidade da cultura, cando antes, cando aínda se podía parar, a criticaran? ou a imposición aos promotores de construír vivendas dignas coas Normas do Hábitat? Ou iso de obrigar a non construír na costa?. Como non queixarse do bipartito?
Se non te gusta o que pasa, quéixate agora do bipartito!!
Obrigas e imposicións, ataques a liberdade, falla de transparencia. Si. A xente tiña motivos para queixarse, señor Moscón. Así que agora, se non está conforme, ¡a queixarse ao bipartito!.
Asinado. Don Paio.
Thursday, January 25, 2007
Premio Xosé Couso
A semana pasada referiámonos en o moscón internacional a orde de busca e captura dos asasinos de Xosé Couso. Supoñemos que a orde aínda non lle debeu chegar ao Bush (este correo...) ou que andarán fuxidos, ou...
Pero agora o que toca reseñar é a convocatoria da 'III Edición do Premio Xosé Couso de liberdade de prensa'. Lemos en MundoGaliza que “a convocatoria foi presentada en Ferrol co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa ou institución destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha traxectoria profesional destacable, libre e independente”. Falta fai premiar a alguén así, e acertar na elección.
De empresas galegas.
A semana empezou cun aparente novo pao á nosa lingua. O hotel Louxo de “La Toja”, estabelecía como norma de cortesía para os empregados de recepción “non falar galego”. O que parecía unha nova denuncia dunha situación máis normal do que parece, aínda que non sempre estea escrita, acabouse convertendo nunha certa alegría para a nosa lingua.
Segundo lemos en Vieiros do 23 de xaneiro a empresa comprometeuse coa Mesa pola normalización lingüística a iniciar un proceso de galeguización dos seus servizos, empezando pola súa páxina electrónica. Polo demais o hotel que agora se denomina Louxo-La Toja pasará en breve a ser Louxo-A Toxa. Tamén introducirá a nosa lingua na sinalización e nas facturas.
E mentres unhas empresas saben emendar uns erros e mesmo sacar vantaxes deles (supoño que estes días subiría o número de visitas de nativos desta terra á súa páxina) outras seguen erre que erre. Pescanova, incansábel ela e a súa Voz de Galicia, di, e non parece amosar ironía, que “retomará o seu investimento en cabo Touriñán se a Xunta aproba a licenza”, conseguindo o apoio, esperado, de Núñez Feijoo quen aproveitou para declararse un firme «partidario de defender o medio ambiente», deleitándonos a continuación cunha sentencia que fará, ou debería facer, historia «A ecoloxía empeza polas persoas» , que supoñemos se inscribirá a partir de agora no frontal de entrada de todas as facultades de bioloxía deste país con grandes letras de ouro.
E outros empresarios xogan a investir os seus cartos. Uns en clave de país, os estaleiros Barreiros, que teñen un plan, necesario, para Navantia-Fene, con apoio da Consellaría de Industria e a Xunta, a oposición do goberno central e da SEPI, como lemos en Sombriña betanceira, e nin se sabe ben de Feijoo como deducimos deste artigo de Gznación. Outros noutras claves, como Manuel Jove, presidente de Fadesa,, que se fará coa propiedade do parque de atraccións madrileño Warner, despois de que Martinsa adquira a inmobiliaria galega. Inmobiliaria que, evidentemente, deixará de ser galega sen que o parque de atraccións, tamén evidentemente, vaia deixar de ser madrileño.
Friday, January 19, 2007
Galiza (Estatuto)
Non puido ser ou non se quixo que fose. Máis de seis horas de conversa ininterrompida sen resultados concretos. Ao parecer os atrancos máis importantes centráronse no preámbulo, onde se falaría da identidade nacional de Galiza, no estatus legal do idioma galego e na financiación. A isto hai que unir a crispación política que existe en Madrid entre o PSOE e o PP.
Previsibelmente ata despois das municipais non haberá novas conversas en Galiza mentres por aí adiante pisan o acelerador na reforma estatutaria
Como dicimos un dos maiores atrancos é o estatus da lingua galega, que Feijoo quere enmarcar no que el considera límites constitucionais, que moito nos tememos coinciden coas do profesor de dereito Carlos Ruíz Miguel, ás que nos referimos neste moscón.
Dende logo non na versión do comentario do profesor que di: Es más, se podría entender que la libertad de elegir idioma puede formar parte de la libertad de expresión, que sería no sólo la libertad de elegir el contenido de la expresión, sino el vehículo de la misma. En tal hipótesis, el derecho se podría hacer valer incluso mediante el recurso de amparo.
Saturday, December 23, 2006
Ocorrentes e simpáticos
Pois si, esta foiche unha semana ben chea de ocorrentes en Galicia. Só co asunto este da correcta execución de obras como a estrada de Cangas, ou a autovía do Salnés, ou outras moitas abondaría. E é que, de seguir así, logo imos ter máis campos de golf ca Murcia. E con buratos máis grandes e mellor regados. Mesmo anegados.
Pero non só das obras de Pepe, Gotera e Otilio viviu o humor galego esta semana. Un novo partido, o partido galeguista, irrompe con forza e ganas de divertir (probablemente a falta de programa) na campaña electoral das municipais. Ás declaracións de hai uns días do secretario xeral do partido en Vigo, únense agora as realmente inxeniosas do candidato á alcaldía na Coruña, Carlos Marcos.
Ou non é inxenioso iniciar a súa “actuación política" (porque esta entrevista en alguén que se di galeguista é máis propia do teatro ou do circo) laiándose de que na Coruña estase a impoñer o galego. E o exemplo escollido... ¡A que non o imaxinades!. Pois si. ¡O topónimo!. E defendendo o L, claro, que un partido galeguista que non defendese o L non tería gacia. Non me digades que non é ocorrente, os “sucesores” de Castelao, segundo a súa publicidade, defendendo o L na Coruña e atacando a imposición do galego.
A continuación explicanos que "A Coruña necesita unha candidatura como Ciutadans de Cataluña”. Así, a vote pronto non parecerá moi gracioso, pero lembremos a relación entre ciutadans de Cataluña e o catalanismo ou, máis ben, o españolismo, Para lembralo recomendo reler este moscón
. E finalmente reclama poder facer unha candidatura e un programa con claro acento local (lease curuñisista, como as de Paco Vázquez). E a opinión do presidente do PG, o vigués Manuel Soto (compañeiro Soto), que considera que o candidato ten "pedigrí" dabondo para acubillarse debaixo das siglas do histórico partido e que «Xamais atoparás (dixo Manuel Soto, o presi) neste partido atrancos a ese coruñesismo intenso, aberto e ambicioso que profesas e que forma parte dun gran proxecto galeguista (sic.)».Si. Ben simpáticos que che son. Seguro que se Castelao ou Bóveda, ou algún outro galeguista histórico, volvese da tumba e lle dixeran que estes son os seus herdeiros, volverían a ela mortos da risa. Ou da pena. Ou, máis probábel, buscarían aos seus herdeiros noutras siglas.
Pero non foi a única declaración simpática da dereita. Porque parece que a dereita, a falta de outras argumentacións, lles entrou a vea simpática. Senón o cren miren as frases certamente ocorrentes que soltou o Feijoo sobre a proposta horaria: "O BNG quere avanzar na autodeterminación horaria" "en Europa pregúntanse como o 0,72 por cento da UE se quere separar do horario común",”cada metade no executivo chegue a unha hora diferente aos consellos da Xunta”, "estamos nun bigoberno en estado puro, a metade do goberno está no horario portugués e a outra metade no español".
Moi simpático, si, pero o certo é que a proposta é seria e afecta á saúde e á economía de Galiza. Que non se trata de unha autodeterminación horaria senón de estar no fuso horario da europa que está no noso fuso horario (ver mapa e presentación da mosquipedia). Que non é que Galiza se queira separar do horario común europeo (o 0,72 por cento da frase), senón unirse ao horario de parte significativa de Europa (Irlanda, Inglaterra e Portugal) e que, en tal caso, se trata de estar co horario anglo-portugués ou co hispano-polaco.
E pavero, ou simpatico, ou irónico, estivo Cacharro con Núñez Feijoo. Nunha interesante entrevista na Radio Galega deixa entrever a súa seguridade na derrota municipal do PP. Ata o punto de que xa pide a cabeza de Feijoo. E a do seu substituto como aspirante á deputación de Lugo, Xosé Manuel Barreiro. E a do candidato á alcaldía lucense, Joaquín García Díez. Asegurou que terán “que render contas ao seu propio partido no seu momento” se non conseguen manter, “cando menos”, os resultados logrados polos populares en 2003.
E finalmente ben simpática estivo tamén a presidenta do parlamento. Amante da súa música se ve que non lle acaba de coller o tranganillo ao himno desta terra en que, por sorte ou por desgracia, naceu e vive. A ela vanlle outros ritmos, que se lle vai facer, que cada quen ten os gustos musicais que ten. E que conste que ten dereito. O divertido, para ela, é que, aproveitándose do seu cargo, botounos unha versión do himno galego en flamenco, que é xustamente o que lle debe de gustar, que os seus gustos di ela que son moi cultos e non hai nada máis culto e máis internacional e integrador e todo iso, para un nacionalista español, que o flamenco.
Claro que, como di Guillerme Vázquez neste artigo, “é unha pena que outros non sigan o exemplo da señora Presidenta. ¡Interpretar, por exemplo, a Marsellesa con aires árabes, ou o himno andaluz con gaitas, ou o español con aire de sardana! Ou ben ese mesmo himno español, cando desfilen as tropas pola madrileñísima Castellana con base de “hard rock”.
Claro que, como insiste Guillerme, en ningún país se lles pasa pola cabeza confundir o seu himno con música. Iso tan culto só se lle debe ocorrer á Presidenta do Parlamento de Galiza.
Moi divertido este país. Si. Para morrer da risa, ou da pena.
Notas da presentación:
(1) a autovía no moscón
(2) outras moitas na Voz de Galicia
(3) o partido en Partido Galeguista
(4) realmente inxeniosas en Vieiros.com
(5) entrevista en La Voz de Galicia
(6) moscón en o moscón
(7) proposta en o moscón
(8) mapa e presentación en o moscón
(9 Radio Galega en CRTVG
(10) neste artigo en Gznación
Friday, December 15, 2006
A voz crítica
A Voz crítica
Eu xa daba por definitiva a inexistencia dun xornalismo crítico na nosa terra, cando menos entre os grandes grupos mediáticos. Así que imaxinádevos a sorpresa que levei cando o 13-12-2006, lin este artigo (ao que recomendo que lle botedes unha ollada antes de seguir lendo) de denuncia, co significativo título de “Impostos «revolucionarios»” e o impactante subtítulo de “Traspasar o fracaso da Cidade da Cultura á empresa e a universidade supón crear unha sociedade máis inxusta.”.
Picado pola curiosidade funme mirar, antes de nada, quen era o ousado autor deste incendiario comentario. A sorpresa foi aínda maior. Non era unha opinión individual dun xornalista con ansias xusticeiras. ¡Ca!. ¡Érache a opinión da redacción dun dos grandes xornais deste país!. ¡E na última páxina que, como é sabido, é unha das de maior importancia e das máis lidas!.
Así que, sen máis, boteime á lectura. E as expectativas creadas polo titular non me defraudaron. O artigo é, certamente, contundente. En cursiva reproduzo, a modo de exemplo, algunhas mostras de por onde van os tiros:
A XUNTA colocou sobre as costas dunhas universidades desnutridas e dunhas empresas alanceadas pola deslocalización a responsabilidade de parchear o despropósito da Cidade da Cultura...
(Malvada Xunta, co ben que ía todo ata que chegou este goberno... ¿ou xa non ía ben antes?. ¿As críticas viñan de moi atrás e é ese, precisamente, o motivo de tan emotivo artigo?. Para sabelo botei unha ollada polo buscador do mesmo xornal dende antes do inicio desas obras, 15-02-2001 se non lembro mal, pero non atopei ningún comentario negativo sobre a Cidade da Cultura. Cando menos non ata que perdeu as eleccións quen perdeu as eleccións. (Recoñezo, sen embargo, que entre as 114.528 entradas existentes entre o 15-12-2000 e o 15-12 2003, por poñer unhas datas, non digo que non haxa algunha, pero lin ben delas, xúrovolo, e nas que lin, nada.).
E seguín lendo ao noso arriscado reporteiro: Nunha sociedade envellecida, cun sistema do benestar furado e co maná dos fondos europeos con data de caducidade, (Estase referindo á Galiza da nova Xunta, supoño, porque esta definición da nosa terra non se lía antes nas súas páxinas) o primeiro encargo que a Xunta faille (sic) ás universidades e ás empresas que integran a recentemente creada Fundación para a Sociedade do Coñecemento (¡tamén, xa lle podían ter feito algún outro antes, cachis na mar!,) consiste en que enterren o seu capital humano e económico nas ladeiras do Gaiás...
¡Coiro!. ¡E por que fai iso a Xunta!. Enterrar o capital..., se todos sabemos que o capital non medra así, enterrándoo como se fosen vulgares patacas. Ademais, as ladeiras do Gaiás non debe ser bo terreo de cultivo, e menos coas obras faraónicas (¿dise así?) que se están a facer alí. Para saber máis, seguín lendo:
...proxecto de tamaño faraónico (vedes, xa o dicía eu, faraónico) pero de contido liliputiense (E isto que me soa ao que diciamos moitos cando gobernaba o de antes, o faraón, para entendernos. Ou sexa que os deste xornal tamén o sabían pero o calaban...) supón aplicar de forma enmascarada un imposto revolucionario... (Enmascarados, como os da Eta. Estes da Xunta... E estes indefensos empresarios e rectores, así ameazados...). Sigue:
...danos causados por unha decisión tomada no seu día polo PP (recoñéceno) e acrecentada polas omisións de Touriño (Xa, a Xunta actual acrecenta por omisión o que os outros “decidiron” mal. De todos xeitos... Imos ver, parece que os de Fraga tomaron unha decisión e Touriño (o redactor chámalle Touriño ao bipartito), se emperran en levala adiante...Pero o certo é que despois de tomar a decisión, contrataron a obra e executárona ¡dende o 15-02-2001!. Non foi só unha decisión, houbo moito máis) e da súa conselleira de Cultura (Por certo, non ten nome, pero si propietario, Ánxela Bugallo é a Conselleira de Cultura de Touriño, isto é finura na redacción)...
...coloca á Xunta á altura doutras entidades que actúan á marxe do interese xeral dos seus socios, tal é o caso de equipos de fútbol como o laureado Real Madrid (sic). (Si..., ben..., este... Aquí eu debería dicir algo, pero, francamente, perdinme, non sei se compara á Xunta co Real Madrid por ser once os concelleiros (¿son 11?), ou porque hai un loureiro no salón de sesións do parlamento (¿haino?), ou porque os dous comparten capitalidade (¿Madrid?)). Para averigualo seguín lendo:
...Fútbol e política contamínanse e retroaliméntanse dos peores virus que afectan ás elites dirixentes... (Agora xa está claro. ¿Ou non?. Ben, por se alguén aínda non o colleu menciona máis exemplos: o Atlético de Madrid, Levante, Deportivo, Celta ou Valencia bótanse en mans da providencia e das institucións públicas para que lle saquen de encima o buraco económico en que se meteron motu propio. (Levante, providencia, motu propio..., que imaxinación para asociar ideas).
...Universidade, unha institución que en Galicia ten que mendigar recursos para pagar as nóminas dos seus catedráticos, pór medios dignos aos alumnos ou, simplemente, adquirir un libro; (Meu Deus, e moitos de nós que críamos que esto estaba somentes mal... pero,¡Ter que mendigar para adquirir, simplemente, un libro...!)
Finalmente, un parágrafo cando menos curioso: ...nin tampouco usando o silencio e a docilidade da prensa (a que prensa silenciosa e dócil se poden referir) para sacar adiante propósitos socialmente inaceptables (¿propósitos socialmente inaceptábeis...? ¡que prensa merecente de tal nome pode facer iso!. E ademais, ¡A cambio de que o ía facer!). Seguir polo camiño do encubrimento só servirá para construír unha sociedade máis inxusta.
Seguir... Pero, ¡Só sigue quen empezou!.
Notas da presentación, todas de A Voz de Galicia:
(2) prestixiosos foros da arquitectura mundial
(3) proxecto faraónico e imposto revolucionario
(4) Médicos e cidade da culturaFriday, December 08, 2006
Hora galega
¡Moita lata non deu esta semana isto da hora galega!. Seica, polo que se escoita por aí adiante, que mesmo un partido político, un tal BNG, fixo un congreso, reunindo a todos os seus militantes, tan só para discutir ese punto. Cando menos en moita prensa seica non se fala de que discutisen de ningún outro asunto.E o asunto, como digo, xa foi moi discutido nesta semana, como di vieiros, que menciona varios enlaces, o que me exime de telos que poñer eu, por esta vez. (Tan só mencionar que algún xa o recollera eu nun outro moscón).
De todos xeitos convén facer algunhas precisións sobre o cambio de hora:
Primeiro, que non se trata de poñer unha hora galega, así, por diferenciarnos. Máis ben, trátase de adaptarnos á hora que nos corresponde polo noso fuso horario, o mesmo que pasa por Irlanda e Portugal, como podemos ver en estas moscas.
Segundo, que o tema ten a súa importancia, pois, como sabemos cada vez que nos cambian a hora de verán á de inverno, e viceversa, o asunto este da hora afecta á saúde e máis ao estado de ánimo. E ao gasto enerxético. E nestes dous puntos, coa hora de “Greenwich”, en Galiza saímos perdendo.
Terceiro, que está ben, moi ben, que se fale, pois é necesario iniciar o debate para que algún día, efectivamente, se adapte a hora ao noso fuso horario. Aínda que máis que falar, algúns despotriquen, que non todos.
Enlaces deste comentario:
A proposta de cambio hoario revoluciona a rede, en vieiros
O cambio horario, moscón.blogaliza.org
Falan, en barrapunto.com
O fuso horario de Galiza, en o moscón blogspot
Friday, December 01, 2006
Mamá natureza enfádase

Esta semana falouse, volveuse a falar, das inundacións. Volveuse a falar, por que xa a finais de outubro inundárase por aquí, e fixéranse apreciacións coma estas,feita por Adega. Xa daquela, investigando nas causas das inundacións de Cee e outras vilas, descubriu a nefasta xestión urbanística e a vaga dos lumes como agravantes da situación. as mesmas apreciacións que reaparecen na valoración da nova vaga realizada, por exemplo, por Luita verde, grupo ecoloxista da península do Morrazo.
E falo de agravante da situación porque o certo é que nos atopamos nun proceso de cambio climático que, se ben está nos seus inicios, xa se deixa notar e que xa ninguén, salvo tal vez Bush, discute. Non é a primeira vez que chove tanto nas zonas agora afectadas nas últimas décadas. Tampouco o foi na anterior vaga de chuvias. Nin tampouco a vaga de calor da primeira quincena de agosto, cando os incendios, foi a maior da historia. Pero é que este ano estamos sempre a piques de bater récords.
Por outra banda cómpre anotar que cando as anteriores vagas de chuvias, a primeiros dos oitenta, aínda non se construíran gran parte das desfeitas urbanísticas agravantes destas inundacións. Construccións sen control que, por certo, tampouco resolveron o problema da vivenda que, como denuncia sombrinha betanceira, é agora máis grave ca nunca. A solución non parece ser a permisibilidade urbanística.
Enlaces deste comentario:
apreciacións por adega
inundacións de outubro en Cee pola Voz de Galicia
recente por vieiros.com
cambio climático por meteogalicia
8 horas de chuvia por xornal.com
