Thursday, January 25, 2007

Premio Xosé Couso

A semana pasada referiámonos en o moscón internacional a orde de busca e captura dos asasinos de Xosé Couso. Supoñemos que a orde aínda non lle debeu chegar ao Bush (este correo...) ou que andarán fuxidos, ou...

Pero agora o que toca reseñar é a convocatoria da 'III Edición do Premio Xosé Couso de liberdade de prensa'. Lemos en MundoGaliza que “a convocatoria foi presentada en Ferrol co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa ou institución destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha traxectoria profesional destacable, libre e independente”. Falta fai premiar a alguén así, e acertar na elección.


De empresas galegas.

A semana empezou cun aparente novo pao á nosa lingua. O hotel Louxo de “La Toja”, estabelecía como norma de cortesía para os empregados de recepción “non falar galego”. O que parecía unha nova denuncia dunha situación máis normal do que parece, aínda que non sempre estea escrita, acabouse convertendo nunha certa alegría para a nosa lingua.

Segundo lemos en Vieiros do 23 de xaneiro a empresa comprometeuse coa Mesa pola normalización lingüística a iniciar un proceso de galeguización dos seus servizos, empezando pola súa páxina electrónica. Polo demais o hotel que agora se denomina Louxo-La Toja pasará en breve a ser Louxo-A Toxa. Tamén introducirá a nosa lingua na sinalización e nas facturas.

E mentres unhas empresas saben emendar uns erros e mesmo sacar vantaxes deles (supoño que estes días subiría o número de visitas de nativos desta terra á súa páxina) outras seguen erre que erre. Pescanova, incansábel ela e a súa Voz de Galicia, di, e non parece amosar ironía, que retomará o seu investimento en cabo Touriñán se a Xunta aproba a licenza”, conseguindo o apoio, esperado, de Núñez Feijoo quen aproveitou para declararse un firme «partidario de defender o medio ambiente», deleitándonos a continuación cunha sentencia que fará, ou debería facer, historia «A ecoloxía empeza polas persoas» , que supoñemos se inscribirá a partir de agora no frontal de entrada de todas as facultades de bioloxía deste país con grandes letras de ouro.

E outros empresarios xogan a investir os seus cartos. Uns en clave de país, os estaleiros Barreiros, que teñen un plan, necesario, para Navantia-Fene, con apoio da Consellaría de Industria e a Xunta, a oposición do goberno central e da SEPI, como lemos en Sombriña betanceira, e nin se sabe ben de Feijoo como deducimos deste artigo de Gznación. Outros noutras claves, como Manuel Jove, presidente de Fadesa,, que se fará coa propiedade do parque de atraccións madrileño Warner, despois de que Martinsa adquira a inmobiliaria galega. Inmobiliaria que, evidentemente, deixará de ser galega sen que o parque de atraccións, tamén evidentemente, vaia deixar de ser madrileño.

Mentres, outros, satisfeitos, esperan recibir novas e merecidas homaxes. Porque agora será Ferrol quen nomeará fillo adoptivo a Santiago Rey Fernández Latorre o noso gran editor de xornais.

Friday, January 19, 2007

Galiza (Estatuto)

Non puido ser ou non se quixo que fose. Máis de seis horas de conversa ininterrompida sen resultados concretos. Ao parecer os atrancos máis importantes centráronse no preámbulo, onde se falaría da identidade nacional de Galiza, no estatus legal do idioma galego e na financiación. A isto hai que unir a crispación política que existe en Madrid entre o PSOE e o PP.

Previsibelmente ata despois das municipais non haberá novas conversas en Galiza mentres por aí adiante pisan o acelerador na reforma estatutaria

Como dicimos un dos maiores atrancos é o estatus da lingua galega, que Feijoo quere enmarcar no que el considera límites constitucionais, que moito nos tememos coinciden coas do profesor de dereito Carlos Ruíz Miguel, ás que nos referimos neste moscón.

Dende logo non na versión do comentario do profesor que di: Es más, se podría entender que la libertad de elegir idioma puede formar parte de la libertad de expresión, que sería no sólo la libertad de elegir el contenido de la expresión, sino el vehículo de la misma. En tal hipótesis, el derecho se podría hacer valer incluso mediante el recurso de amparo.


This page is powered by Blogger. Isn't yours?