Thursday, January 25, 2007

De empresas galegas.

A semana empezou cun aparente novo pao á nosa lingua. O hotel Louxo de “La Toja”, estabelecía como norma de cortesía para os empregados de recepción “non falar galego”. O que parecía unha nova denuncia dunha situación máis normal do que parece, aínda que non sempre estea escrita, acabouse convertendo nunha certa alegría para a nosa lingua.

Segundo lemos en Vieiros do 23 de xaneiro a empresa comprometeuse coa Mesa pola normalización lingüística a iniciar un proceso de galeguización dos seus servizos, empezando pola súa páxina electrónica. Polo demais o hotel que agora se denomina Louxo-La Toja pasará en breve a ser Louxo-A Toxa. Tamén introducirá a nosa lingua na sinalización e nas facturas.

E mentres unhas empresas saben emendar uns erros e mesmo sacar vantaxes deles (supoño que estes días subiría o número de visitas de nativos desta terra á súa páxina) outras seguen erre que erre. Pescanova, incansábel ela e a súa Voz de Galicia, di, e non parece amosar ironía, que retomará o seu investimento en cabo Touriñán se a Xunta aproba a licenza”, conseguindo o apoio, esperado, de Núñez Feijoo quen aproveitou para declararse un firme «partidario de defender o medio ambiente», deleitándonos a continuación cunha sentencia que fará, ou debería facer, historia «A ecoloxía empeza polas persoas» , que supoñemos se inscribirá a partir de agora no frontal de entrada de todas as facultades de bioloxía deste país con grandes letras de ouro.

E outros empresarios xogan a investir os seus cartos. Uns en clave de país, os estaleiros Barreiros, que teñen un plan, necesario, para Navantia-Fene, con apoio da Consellaría de Industria e a Xunta, a oposición do goberno central e da SEPI, como lemos en Sombriña betanceira, e nin se sabe ben de Feijoo como deducimos deste artigo de Gznación. Outros noutras claves, como Manuel Jove, presidente de Fadesa,, que se fará coa propiedade do parque de atraccións madrileño Warner, despois de que Martinsa adquira a inmobiliaria galega. Inmobiliaria que, evidentemente, deixará de ser galega sen que o parque de atraccións, tamén evidentemente, vaia deixar de ser madrileño.

Mentres, outros, satisfeitos, esperan recibir novas e merecidas homaxes. Porque agora será Ferrol quen nomeará fillo adoptivo a Santiago Rey Fernández Latorre o noso gran editor de xornais.

Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?