Friday, July 10, 2009

Quéixate do bipartito, por Don Paio.

Ver a páxina de O Moscón en http://moscon.blogaliza.org/

O transparente e glorioso trunfo do Feijoismo

Ben se ve, señor Moscón, o moito que lle doeu o brillante e transparente trunfo das gloriosas forzas feijoistas. E antes de que mo diga vostede direino eu, ben sei que o mérito non foi só noso. Porque, sexamos sinceros, ¿quen non se ten queixado do bipartito?. Nós, a dereita española, os que queremos que as cousas funcionen ben, como sempre, sen homosexuais (fóra do armario, que nós respectamos a súa liberdade sempre que non nos queiran impor a súa presencia), nin abortos (legais, que son os que fan escándalo), nin laicismo (público, que en privado cada quen é libre de crer o que queira), nin divorcios, nin separatismos… Sobre todo sen separatismos, porque nós queremos a España e non permitiremos que ninguén nos impoña galeguismos trasnoitados. Si, hai que respectar a nosa liberdade de ser só españois, porque a liberdade é algo moi sagrado, eh?, quen non quere a liberdade?, veña, que levante a man para vergoña de todos os demócratas de verdade.

Pim,pam,pum…Quéixate do bipartito

Pero non, como digo non me refiro aos que de natural queixábanos do bipartito, un goberno que nos quería impoñer o separatismo e o comunismo e o ateísmo e a homosexualidade e o asasinato de neonatos e…. Non, refírome a eses mesmos separatistas e roxos e verdes e lilas e… Acaso non se teñen queixado do bipartito?. Que non?. Por exemplo, non se queixaban da falta de transparencia do concurso eólico? De imposicións na xestión dos incendios? De ataques á liberdadedos propietarios cos bancos de terras?…

Transparencia e seguridade xurídica na dedocracia

Analicemos señor Moscón, porque antes do bipartito os parques eólicos dábanse a dedo, que é un sistema difícil de criticar porque cando se inicia xa se rematou. Ademais era un sistema moi respectuoso coa liberdade. Cando menos coaliberdade do propietario do dedo, e do seu cuñado, ou curmán, ou o que fose, que lle tocaba o dedo, digo o parque. Por riba, as cousas estaban claras dende o principio, o que tamén é unha vantaxe, ou acaso non queremos transparencia no goberno? Pois que maior transparencia que aquela. Todo o mundo sabía que, vía cuñado ou curmán ou amigo ou que fóra, ao final, o parque, ou o dedo, tocaríalibremente aos de sempre, Fenosa, Endesa, Iberdrola… sempre os mesmos e ao mesmo prezo, barato. E que dicir da seguridade xurídica?, tocándolle sempre aos mesmos, quen quere maior seguridade? Non había motivo para queixarse.

A imposición do concurso público

E claro, chegan os do bipartito e impoñen unilateralmente outras regras de xogo que obrigan ás empresas a participar nun concurso público. E os que tiñan asegurada a adxudicación quéixanse, con razón, da imposición, porque se é publico poden participar outros e entón, onde queda a seguridade xurídica? e atransparencia no resultado?. E que me di do que querían impor co concurso? Contrapartidas económicas!!!. Imos ver, se os parques son un negocio privado a que vén obrigar a compartilo coa Xunta, que son todos?. Non é iso a imposicióncomunista?. E a saber en que pensaban gastalo despois!. E esa obriga de ter que ofrecer un proxecto interesante para Galicia?, valente parvada!. Se o que interesa é o máximo beneficio empresarial, a que ven impoñer a empresas madrileñas ou vascas ofrecer proxectos como o de formar un grupo lácteo galego, un clúster das conserveiras ou facer fábricas de xeradores eólicos en Galicia. Iso é ir contra aliberdade empresarial. Había que queixarse.

A liberdade da prensa libre e independente

Por riba algúns proxectos gañadores impoñían unha pa rozando unha futura zona natura, e outros, xa montados nunha zona natura, íaselles aumentar a potencia. Esas desfeitas ecolóxicas en zonas tan sagradas, para algúns, como as naturas, presentes ou futuras, tiñan que ser imperdoábeis. Así o viron, con grande intelixencia estratéxica, os nosos medios xornalísticos libres, eses mesmos que agora poden cantar as excelencias dunha piscifactoría en Cabo Touriñán, e nos informan de que non se pode ir contra o progreso, a transparencia e a liberdade, incluída a liberdade de prensa. Porque, non hai que defender a liberdade sempre?, non hai que defender a liberdade de Pescanova a instalarse onde lle pete?.Quéixese agora do bipartito, se quere

A liberdade,a dedocracia e a responsabilidade das túas decisións.

E a política de incendios?. Lémbrase. Antes a política contraincedios era clara etransparente. E moi respectuosa da liberdade, todo hai que dicilo. Chegaba o verán e cos cartos contra incendios contratábase xente. Ben, contrataban os concellos, libremente, cos cartos da Xunta. A dedo, claro, sen imposicións, o que, como defendemos antes, é un sistema moi transparente e respectuoso coaliberdade do propietario do dedo, que neste caso, ademais, era o alcalde, elixido por todos e, por tanto, podemos (e mesmo debemos!) dicir que respectuoso coaliberdade de todos. E, como dixemos, sen ningún tipo de imposición ao alcalde, e claro e transparente: Es amigo do alcalde, contrátate, es inimigo (político) do alcalde, non te contrata. Maior transparencia e liberdade imposíbel. E ademais didáctico, que ben se sabe que quen é libre tense que aterse as consecuencias da súa elección, sen dereito a queixarse

¿Quen sabe o que é a xestión da biomasa?

Pois nada, chegaron os do bipartito e liárono todo. Pois non se puxeron a dicir que os incendios hai que apagalos pero, sobre todo, hai que prevelos?, que hai que “xestionar a biomasa”?. Ganas de liala porque ¿alguén sabe que é iso de xestionar a biomasa?. Seguro que algunha imposición a alguén. E as cuadrillas contraincendios centralizadas na Xunta, coa desculpa de profesionalizalas e evitar o amiguismo? Que falta de transparencia. E, que pasa?. Tan malo é que un alcalde teña amigos?. Así é normal que a xente se queixase do bipartito.

Outras imposicións, fallas de transparencias e ataques a liberdade

E o dos libros de texto gratuítos. Onde quedaba a liberdade de subliñalos? E iso de pretender que os nenos galegos se poidan entender cos galegos que falan galego?. Que imposición. E esa afrenta á liberdade dos funcionarios de obrigalos, repito, obrigalos a entender, e incluso falar, o galego?. E esa imposición de escoitar programas de radio que fan pensar como Diario Cultural ou Aberto por Reformas?, Ou ese incongruencia de seguir coa cidade da cultura, cando antes, cando aínda se podía parar, a criticaran? ou a imposición aos promotores de construír vivendas dignas coas Normas do Hábitat? Ou iso de obrigar a non construír na costa?. Como non queixarse do bipartito?

Se non te gusta o que pasa, quéixate agora do bipartito!!

Obrigas e imposicións, ataques a liberdade, falla de transparencia. Si. A xente tiña motivos para queixarse, señor Moscón. Así que agora, se non está conforme, ¡a queixarse ao bipartito!.

Asinado. Don Paio.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?