Friday, December 15, 2006
A voz crítica
A Voz crítica
Eu xa daba por definitiva a inexistencia dun xornalismo crítico na nosa terra, cando menos entre os grandes grupos mediáticos. Así que imaxinádevos a sorpresa que levei cando o 13-12-2006, lin este artigo (ao que recomendo que lle botedes unha ollada antes de seguir lendo) de denuncia, co significativo título de “Impostos «revolucionarios»” e o impactante subtítulo de “Traspasar o fracaso da Cidade da Cultura á empresa e a universidade supón crear unha sociedade máis inxusta.”.
Picado pola curiosidade funme mirar, antes de nada, quen era o ousado autor deste incendiario comentario. A sorpresa foi aínda maior. Non era unha opinión individual dun xornalista con ansias xusticeiras. ¡Ca!. ¡Érache a opinión da redacción dun dos grandes xornais deste país!. ¡E na última páxina que, como é sabido, é unha das de maior importancia e das máis lidas!.
Así que, sen máis, boteime á lectura. E as expectativas creadas polo titular non me defraudaron. O artigo é, certamente, contundente. En cursiva reproduzo, a modo de exemplo, algunhas mostras de por onde van os tiros:
A XUNTA colocou sobre as costas dunhas universidades desnutridas e dunhas empresas alanceadas pola deslocalización a responsabilidade de parchear o despropósito da Cidade da Cultura...
(Malvada Xunta, co ben que ía todo ata que chegou este goberno... ¿ou xa non ía ben antes?. ¿As críticas viñan de moi atrás e é ese, precisamente, o motivo de tan emotivo artigo?. Para sabelo botei unha ollada polo buscador do mesmo xornal dende antes do inicio desas obras, 15-02-2001 se non lembro mal, pero non atopei ningún comentario negativo sobre a Cidade da Cultura. Cando menos non ata que perdeu as eleccións quen perdeu as eleccións. (Recoñezo, sen embargo, que entre as 114.528 entradas existentes entre o 15-12-2000 e o 15-12 2003, por poñer unhas datas, non digo que non haxa algunha, pero lin ben delas, xúrovolo, e nas que lin, nada.).
E seguín lendo ao noso arriscado reporteiro: Nunha sociedade envellecida, cun sistema do benestar furado e co maná dos fondos europeos con data de caducidade, (Estase referindo á Galiza da nova Xunta, supoño, porque esta definición da nosa terra non se lía antes nas súas páxinas) o primeiro encargo que a Xunta faille (sic) ás universidades e ás empresas que integran a recentemente creada Fundación para a Sociedade do Coñecemento (¡tamén, xa lle podían ter feito algún outro antes, cachis na mar!,) consiste en que enterren o seu capital humano e económico nas ladeiras do Gaiás...
¡Coiro!. ¡E por que fai iso a Xunta!. Enterrar o capital..., se todos sabemos que o capital non medra así, enterrándoo como se fosen vulgares patacas. Ademais, as ladeiras do Gaiás non debe ser bo terreo de cultivo, e menos coas obras faraónicas (¿dise así?) que se están a facer alí. Para saber máis, seguín lendo:
...proxecto de tamaño faraónico (vedes, xa o dicía eu, faraónico) pero de contido liliputiense (E isto que me soa ao que diciamos moitos cando gobernaba o de antes, o faraón, para entendernos. Ou sexa que os deste xornal tamén o sabían pero o calaban...) supón aplicar de forma enmascarada un imposto revolucionario... (Enmascarados, como os da Eta. Estes da Xunta... E estes indefensos empresarios e rectores, así ameazados...). Sigue:
...danos causados por unha decisión tomada no seu día polo PP (recoñéceno) e acrecentada polas omisións de Touriño (Xa, a Xunta actual acrecenta por omisión o que os outros “decidiron” mal. De todos xeitos... Imos ver, parece que os de Fraga tomaron unha decisión e Touriño (o redactor chámalle Touriño ao bipartito), se emperran en levala adiante...Pero o certo é que despois de tomar a decisión, contrataron a obra e executárona ¡dende o 15-02-2001!. Non foi só unha decisión, houbo moito máis) e da súa conselleira de Cultura (Por certo, non ten nome, pero si propietario, Ánxela Bugallo é a Conselleira de Cultura de Touriño, isto é finura na redacción)...
...coloca á Xunta á altura doutras entidades que actúan á marxe do interese xeral dos seus socios, tal é o caso de equipos de fútbol como o laureado Real Madrid (sic). (Si..., ben..., este... Aquí eu debería dicir algo, pero, francamente, perdinme, non sei se compara á Xunta co Real Madrid por ser once os concelleiros (¿son 11?), ou porque hai un loureiro no salón de sesións do parlamento (¿haino?), ou porque os dous comparten capitalidade (¿Madrid?)). Para averigualo seguín lendo:
...Fútbol e política contamínanse e retroaliméntanse dos peores virus que afectan ás elites dirixentes... (Agora xa está claro. ¿Ou non?. Ben, por se alguén aínda non o colleu menciona máis exemplos: o Atlético de Madrid, Levante, Deportivo, Celta ou Valencia bótanse en mans da providencia e das institucións públicas para que lle saquen de encima o buraco económico en que se meteron motu propio. (Levante, providencia, motu propio..., que imaxinación para asociar ideas).
...Universidade, unha institución que en Galicia ten que mendigar recursos para pagar as nóminas dos seus catedráticos, pór medios dignos aos alumnos ou, simplemente, adquirir un libro; (Meu Deus, e moitos de nós que críamos que esto estaba somentes mal... pero,¡Ter que mendigar para adquirir, simplemente, un libro...!)
Finalmente, un parágrafo cando menos curioso: ...nin tampouco usando o silencio e a docilidade da prensa (a que prensa silenciosa e dócil se poden referir) para sacar adiante propósitos socialmente inaceptables (¿propósitos socialmente inaceptábeis...? ¡que prensa merecente de tal nome pode facer iso!. E ademais, ¡A cambio de que o ía facer!). Seguir polo camiño do encubrimento só servirá para construír unha sociedade máis inxusta.
Seguir... Pero, ¡Só sigue quen empezou!.
Notas da presentación, todas de A Voz de Galicia:
(2) prestixiosos foros da arquitectura mundial
(3) proxecto faraónico e imposto revolucionario
(4) Médicos e cidade da cultura